Blog dos Bancos de Tempo da Costa da Morte

Coñece que son os Bancos de Tempo e que poden facer por ti!

Marzo, 2009

 

PRIMEIRAS ACTIVIDADES EN GRUPO NO BANCO DE TEMPO DE CEE








  • APRENDE ESTIRAMENTOS

Terá lugar o xoves, 16 de abril, no ximnasio do instituto vello “Agra de Raíces” ás 10:30 e será impartida pola fisioterapeuta Mª Elisa Martínez.


A actividade está dirixida a todas aquelas persoas que queiran facer estiramentos a diario, antes ou despois do deporte, para mellorar postura e dores, manterse en forma ou previr lesións . Tan só é necesario levar roupa cómoda.





  • OBRADOIRO DE ESTÉTICA

Da man de Eva María Rodríguez, perruqueira e esteticista, que ensinará prácticas como a manicura, pedicura, depilacións e maquillaxe .


Será os martes e mércores, 21, 22, 28 e 29 de abril e 5, 6, 12 e 13 de maio, de 10:15 a 11:45, no instituto vello “agra de raíces”. As persoas participantes deberán levar pinzas de depilar, material de manicura (lima, cortacutículas, palito de laranxo, cortacaios, rascadurezas) e de maquillaxe.







INSCRICIÓNS:


Oficina do Banco de Tempo

Casa do Concello, 3º andar

981 706 120 / 981 745 100

bancodetempo.cee@hotmail.com

 
 
 

Banco de Tempo de Corcubión

BANCO DE TEMPO

DE CORCUBIÓN


O Banco de Tempo de Corcubión abriu as súas portas a finais do mes de febreiro por iso animámosche a que che fagas socio / socia e descubras o que vale o teu tempo.


QUE É?

O Banco de tempo é unha iniciativa que parte desde o Concello creando un novo espazo para compartir, achegar ás persoas e fomentar entre os veciños e veciñas valores de cooperación, comunicación e solidariedade.


COMO FUNCIONA?

Este banco funciona con tempo, aquí non existe o diñeiro, ti invistes / ofreces tempo en realizar ou ensinar unha tarefa ou actividade e a cambio demandas / recibes tempo doutro socio / socia en recibir ou aprender unha tarefa ou actividade.


E OS INTERCAMBIOS?

Estes intercambios poden ser:
- individuais
- grupales: temos previstas algunhas actividades deste tipo e estamos abertos a novas propostas



A TRAVÉS DO B.T. PODERÁS:
  • Coñecer xente
  • Aprender algo novo
  • Ensinar o que sabes
  • Compartir experiencias
  • Realizar actividades que che guste


Para mais información non dubides en vir polo o Concello de Corcubión ou chamar por teléfono e preguntar polo xestora do tempo, Marta Sanz


Xa contamos con algúns socios e esperamos crecer contigo


FAITE SOCIO / SOCIA DO B.T

Información: Luns a venres
Horario: 9:00 - 14:30
Lugar: no Concello, Praza de José Carrera nº 1
Teléfono: 981.74.54.00.

A INSCRICIÓN É GRATUITA


BANCO DE TEMPO DE CORCUBIÓN
XESTORA DO TEMPO, MARTA SANZ





 
 
 

Comenza o Obradoiro de Estética do Banco de Tempo de Vimianzo



Xa comezou o novo Obradoiro que está a levar a cabo o Banco de Tempo do Concello de Vimianzo. A temática abordada nesta ocasión foi o coidado do corpo, hoxe en día moi demandado tanto por mulleres como por homes, mediante un obradoiro que engloba varios campos da estética.



O Obradoiro tivo lugar no Edificio de Servicios Múltiples de “A Torre” e recordar a todos que a metodoloxía seguida nesta ocasión foi a empregada nos cursos os que estamos acostumados a asistir, a diferencia do Obradoiro de Cociña, que rompeu con tódalas formas de apredinzaxe actuais.



A mestra, Ana Belén Calo Chamadoira, preparou unha posta en escena excelente mediante unha ambientación da aula con temas de estética e perruqueria, algo que chamou moito a atención as asistentes que foron un total de 21 e de idades moi separadas.




Esta é Belén a nosa mestra


Previamente fíxose unha colocación da aula na que se realizou o Obradoiro para dar un ambiente de perruqeria.



Este primeiro día dedicouse a explicar as diferentes formas que hai de facer unha limpeza e preparación da pel para o posterior maquillaxe, xa que según Belen, a pel necesita moitos coidados previos para que o noso maquillaxe luza perfecto e dure máis tempo. Para elo estudiou a pel de cada unha das asistentes e explicou como seria a preparación da mesma dependendo do tipo de pel que teñamos.


Nesta foto podeser ver unha das técnicas de limpeza da pel que explicou Belén

A continuación e unha vez feitas tódalas aclaracións oportunas por parte da mestra procediuse a facer o que seria unha maquillaxe de festa en dous tipos de cara diferentes, xa que como dixo Belén, non hai unha maquillaxe única senón que se ten que adaptar a nosa cara para resaltar as nosas virtudes e ocultar os nosos defectos. E tamén dou varios consellos e trucos da súa colleita para que nos fose máis doado poñernos guapas na nosa casa.


Nesta foto vemos a Belén durante a explicación das cores empregadas nun dos maquillaxes

Na vindeira xornada seguiremos con demostración de maquillaxe de día e unha forma que se lle ocurriu a Belén de as alumnas se animasen a participar activamente do curso foi que escribisen nun papel o que a cada unha lle gustase aprender neste obradoiro e se a duración do obradoiro o permite daralle resposta a todas elas. É unha boa forma de romper o xeo nesta primeria xornada e non é de esperar menos ante unha profesional coma a que temos de mestra.




E nesta última foto vemos o grupo completo de asistentes o Obradoiro
 
 
 

O BANCO DO TEMPO DO CONCELLO DE SANTA COMBA


O COMEZO DO BANCO DO TEMPO DE SANTA COMBA


O Banco do Tempo de Santa Comba comezou a súa labor de difusión no mes de outubro de 2008, elaborando así todas as actuacións necesarias para dar a coñecer a todo o pobo dita medida; entre elas a presentación mediante a prensa, radio local ao mesmo tempo que se realizaron diferentes reunións informativas dirixidas ás Asociacións de mulleres rurais, de empresarios, entre outras; Da mesma maneira elaboraronse o deseño das diversas ferramentas necesarias para a posta en marcha do servizo, onde o seu fin primordial é conseguir e mellorar a conciliación da vida persoal e familiar coa vida laboral.


¿QUE BENEFICIOS APORTA A PARTICIPACIÓN NO BANCO?


* Garantir e satisfacer todas aquelas necesidades básicas reais da vida cotiá que se nos presentan, e que son na maioría das veces a resposta a falta de cobertura en certos servizos ou a dificultade de acceso aos mesmos.

* Mediante o intercambio dos diversos servizos promoveranse diferentes valores como a solidariedade e a cooperación, cos que se tratarán de recuperar aquelas relacións de veciñanza e de mutua confianza xa algo esquecidas; coas cales ao mesmo tempo se conseguirá disfrutar de mais tempo para un mesmo e así compartir as nosas habilidades e destrezas cos demais.


OBRADOIROS QUE SE ESTÁN A REALIZAR NO BANCO


§ Como actuar en situacións de risco na túa casa, onde se imparten nocións básicas de primeiros auxilios, ademais de cómo actuar fronte a situacións que poidan xurdir na vida cotiá (queimaduras, caídas, etc).



§ Elaboración de carantoñas para o entroido: dirixido a todos os rapaces e rapazas da vila, para eses pais e nais que nas vacacións do colexio non atopan con quen deixar os seus fillos, por mor do traballo; de ahí que fose impartido nos días 23 e 24 de febreiro, nos que os rapaces non tiveron escola por motivo das vacacións do entroido.



§ Outro obradoiro previsto realizar Como elaborar o meu curriculum vitae e afrontar unha entrevista de traballo , é unha resposta ás necesidades expresadas por varios socios do Banco e dun amplo abano de poboación do noso Concello, a maioría mulleres, que en moitas ocasións tiñan demandado e demostrado moito interese por estar un pouco mais ao día no mercado laboral, xa que nesta vila a maioría dedícase aos labores do fogar ou ao sector agrogandeiro, mentras os homes saen traballar fóra, o que implica a súa menor presenza no mundo do traballo.


COMO ANOTARSE E PARTICIPAR


Oficina na Casa da Cultura do Concello de Santa Comba

Horario de 9:00 a 15:00h.

Persoa de contacto: Dolores Nariño Facal

Telfs: 981 818679/ 981 880275

e- mail: bancodetempo@santacomba.es



Deixovos aquí algunhas fotos realizadas na presentación do Banco.


 
 
 

Bo acollemento do Taller de Deseño e Elaboración de Alfombras



O pasado mércores 11 de marzo dou comezo en Carballo o Taller de Deseño e Elaboración de Alfombras.
Os encargados de impartir a formación foron os alumnos e as alumnas do Centro Ocupacional ASPABER; tódos eles, persoas con discapacidade intelectual.

Nesta primeira sesión, participantes e alumnos comezaron a estreitar lazos e os participantes concretaron o deseño da alfombra que querenn lucir nas súas casas.
Nas próximas clases, que se celebrarán os días 18 e 25 de marzo e o 1 de abril, irán tecendo de cor e lana os debuxos que realizaron o pasado mércores.

Tanto alumnos como profesores, valoraron este intercambio de tempo, como algo moi enriquecedor, xa que para os participantes resulta unha tarefa de aprendizaxe e para os rapaces e rapazas de ASPABER, supón unha ampliación da súa rede de relacións sociais.

A participación foi moi elevada posto que son 26 as personas que están a traballar neste taller, compartindo o seu tempo.

Dende o Banco de Tempo de Carballo espérase que futuros Obradoiros que organice teñan o mesmo éxito e a poboación do Concello se implique de igual xeito que nesta ocasión.



 
 
 

Xuntanza Provincial dos Bancos de Tempo

§ O Xoves día 12 de Marzo acudimos a 2ª Mesa de Traballo de Técnicas de Bancos de Tempo, que se celebrou no Edificio Social de Ferrol.


§ Tratáronse os seguintes temas:


  • Benvida da Consellería de Benestar Social
  • Posta en común do desenrolo do proxecto ata este momento
  • Dúbidas xurdidas ó redor da aplicación informática BATEM
  • Outras aportacións de interese


§ Acudimos como representación dos Bancos de Tempo da Costa da Morte as Axentes de Tempo dos Concellos de Zas, Vimianzo e Cabana de Bergantiños.


§ Cada Axente de Tempo explicou os proxectos particulares do seu Banco de Tempo e tamén informamos sobre a unión dos Bancos de Tempo da Costa da Morte e da creación da nosa Plataforma Virtual, como a “xanela” para dar a coñecer novas dos Bancos de Tempo á cidadanía.


§ Resulta relativamente complicado unirse para formar un proxecto común como é este noso Blog, polo que penso que as tres persoas que fomos a Ferrol nos sentimos orgullosas deste proxecto e agardamos que esta plataforma logre cumprir o obxectivo para o que foi creada: Informar e facer partícipe á cidadanía dos Bancos de Tempo Municipais.


§ En xeral, estas Xuntanzas sempre son satisfactorias e agradecemos ó Equipo Técnico do Banco de Tempo de Ferrol por organizar estas reunións.



 
 
 

Seguimos coa divulgación


Durante estas semanas o Banco de Tempo de Zas seguese a dar a coñecer entre os veciños. Nos ultimos dias asistin ós cursos que se están a impartir no noso concello para explicar a xente que ainda non coñece a iniciativa de que se trata.

Así, puiden presentar este novo servizo os participantes dos cursos de: costura básica, bordado, cociña, ximnasia, cestería e manualidades. O fin é que a xente se vaia familiarizando co concepto e polo menos sepa que cando o precise ten unha boa alternativa para requerir ou ofrecelo seu tempo.

Proximamente acudirei os cursos que me faltan asi como o obradoiro de emprego de Zas. Tamen sigo en contacto coas asociacións para saber se están interesadas e, de ser asi, que me concreten unha data na que quedar cos seus socios.

Aquí vos deixo as fotos coa xente dos cursos de bordado e cociña en Zas e manualidades en Baio:






 
 
 

O BANCO DE TEMPO DE VAL DO DUBRA

Dende o pasado mes de setembro está a funcionar no noso Concello un banco de tempo, financiado pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo.

Coa posta en marcha desta medida pretendemos que todas aquelas persoas maiores de idade e que residan no municipio se beneficien dos servizos que dende o banco do tempo se ofertan e se demandan, conciliando así a vida laboral e persoal dos nosos habitantes.

Dende un primeiro momento estamos a traballar para dar a coñecer a medida a través da súa divulgación mediante folletos informativos, charlas, cartas e reunións coas asociacions municipais, notas de prensa e directamente entre persoas.

A día de hoxe xa contamos con algúns usuarios, fixemos diferentes talleres e xa se realizaron os primeiros intercambios.

  • QUE PRETENDEMOS CON ESTA MEDIDA?

Debido a inexistencia ou falta de cobertura de certos servizos ou ben pola dificultade para acceder a eles pretendemos cubrilos con intercambios entre a veciñanza, por eso queremos acadar unha importante participación cidadá, motivar ás persoas para que participen e que todos saiamos satisfeitos con esta medida.

Mediante esta iniciativa preténdese tamén que as persoas usuarias do banco acaden altos graos de comunicación e cooperación entre elas ó mesmo tempo que superen valores de autoestima.

  • QUE SERVIZOS FUNCIONAN NO NOSO BANCO?

En case todos os bancos de tempo os servizos máis intercambiados son os de acompañamento e atención á persoas, actividades de ocio, axuda coas novas tecnoloxías, actividades extraescolares, tarefas do fogar, ... Concretamente no noso banco de tempo os máis demandados e ofertados encadrámolos dentro dos seguintes apartados:

Ø Realización de tarefas relacionadas co manexo de novas tecnoloxías

-Calquera actividade relacionada coa fotografía

-Utilización da biblioteca e aula de informática

-Axuda coas tarefas escolares

-Axuda a facer deberes

Ø Realización de tarefas domésticas

-Pasa-lo ferro

-Aprender a cociñar

Ø Actividades relacionadas co tempo de lecer

-Acompañamentos á piscina

Ø Labores de coidado e compaña

-Coidado de nenos polas tardes

-Levar e recoller nenos na gardería

-Coidados de enfermería

Ø Outras

-Acercamentos co coche

-Clases de historia do arte

-Conversación en inglés

  • QUE ESTAMOS A FACER?

Dende o noso banco de tempo, ademais de seguir coa súa divulgación para que ninguén quede sen información desta medida, estamos a traballar para a realización dalgún taller creativo como os feitos recentemente no entroido para os nenos (maquillaxe e elaboración de máscaras), no cal as nais serían as persoas usuarias do banco.

A través do banco de tempo tamén poden facer uso da biblioteca e aula de informática, aulas que nos parece interesante a súa utilización por iso dende o banco de tempo ofrecémonos para a ampliación do seu horario de apertura.

  • ONDE PODEN ATOPARNOS?

Para calquera información sobre o banco de tempo ou ben para inscribirse poden atoparnos na Casa do Concello de luns a venres en horario de 9:00 a 15:00.

Os martes e xoves poden atoparnos na Casa da Cultura de 6 a 8 da tarde.

Teléfono de contacto: 981889000

 
 
 

Intercambios individuais no Banco de Tempo do Concello de Vimianzo




As actividades que ata o momento se realizaron no Banco de Tempo do Concello de Vimianzo leváronse a cabo en grupo e individualmente non tivera lugar ningún intercambio pero a semana pasada comezaron a impartirse as clases de informática personalizadas.


As sesións tiveron lugar no Telecentro o venres en horario de tarde e o sábado en horario de mañá e impartíronse por dúas mestras tituladas: María José Villaverde Carballo e Natalia Corbelle Romero.


Por parte dos integrantes do Banco de Tempo, as usuarias beneficiadas foron Paquita e Flora, as dúas solicitaron dende un primeiro momento formación básica en informática e resolución de dúbidas puntuais neste campo e a cambio darán ó banco un taller de labores do fogar (costura, bordado, calceta, etc.) que aínda non ten datas fixadas pero xa se están concretando as liñas xerais.


Polo que se refire as mestras decidíronse a impartir estás clases de informática xa que teñen interese en ampliar os seus coñecementos en estética e como o Banco de Tempo está a organizar un obradoiro con esta temática animáronse a facerse usuarias do mesmo.


Estes intercambios individuais de informática seguiranse realizando o longo de todo o mes de marzo no mesmo horario e todas aquelas persoas que o desexen poderanse beneficiar dos mesmos, solo teñen que poñerse en contacto coa axente de tempo do Concello.






Nestas fotos vemos a Natalia ensinando a Paquita



Nesta foto vemos a María José ensinando a Flora




Nesta última fotografia vemos a Natalia ensinando a Manuela
 
 
 

O BANCO DE TEMPO DE CEE ABRE AS SÚAS PORTAS




A partir de hoxe, día 10 de marzo de 2009, os veciños e as veciñas de Cee poderemos contar cun novo servizo no concello, á oficina do banco de tempo . Nela encontrareime eu, María Crespo, que son a axente de tempo.



Dende este blog, creado polo persoal técnico dos bancos de tempo da Costa da Morte, informareivos de todas as novidades e actividades que vaian xurdindo ao longo da vida do noso banco municipal de tempo.



Nesta oficina a miña labor será informar e resolver as dúbidas que poidan xurdirvos sobre que é un banco de tempo e explicarvos as normas de funcionamento . Farei as inscricións ás persoas interesadas e asesorareivos nas seguintes cuestións:


- Que podedes ofrecer ?

- Que queredes recibir ?

- Cal é a vosa dispoñibilidade ?



Poderedes saber as ofertas e demandas que haxa no banco por se algunha vos interesa. Cando queirades realizar algún intercambio contactarei con ámbalas dúas partes para chegar a un acordo SEMPRE de xeito VOLUNTARIO . A oficina do banco de tempo é a encargada de mediar entre as persoas inscritas.



O tempo devólveselle ao banco, é dicir, a outra persoa que non ten porque ser á persoa da que se recibiu o servizo, xa que, podemos non estar interesados/as no que ofrece. Tamén podemos organizar actividades en grupo, xa que, poden ser varias as persoas que estean interesadas nunha mesma oferta.



Cantas máis persoas haxa no banco de tempo e canto máis diversas sexan as súas ofertas, máis actividades poderemos levar a cabo.



O BANCO DE TEMPO PODE FACER COUSAS
QUE O DIÑEIRO NON PODE COMPRAR!



Oficina do Banco de Tempo

Rúa Domingo Antonio de Andrade s/n, 3º andar

15270 Cee

Tel. 981 706 120 (provisional) / 981 745 100

bancodetempo.cee@hotmail.com

www.bdtcostadamorte.ohlog.com

 
 
 

Obradoiro de Estética do Banco de Tempo de Vimianzo



Os tempos están a cambiar e os Bancos de Tempo axudan a que estes novos cambios sexan máis doados e a aprender a empregar a súa metodoloxía para formarnos en campos que sempre nos gustou facelo e non puidemos.


O Banco de Tempo do Concello de Vimianzo ten previsto realizar un Obradoiro de Estética e Bancos de Tempo os días 23 e 30 de Marzo e 6 e 13 de Abril as 21:00 h no Edificio de Servicios Múltiples “A Torre”. O curso impartirase por unha profesional de perruquería e estética, María Belén Calo Chamadoira (Belén de Padreiro), perruqueira e esteticista de profesión e ademais usuaria do Banco de Tempo.


Aproveitando que temos unha usuaria con estes coñecementos decidimos poñer en marcha este curso para que o resto de persoas asociadas ó Banco de Tempo teñan a oportunidade de sacarlle o maior partido posible a súa imaxe persoal. Neste obradoiro abarcaranse os seguintes contidos:

· Técnicas de maquillaxe.

· Manicura.

· Peiteados.

· Varios trucos de beleza personalizados.


A metodoloxía neste obradoiro será a seguida nos bancos de tempo, recordamos as persoas interesada que está baseada no intercambio de tempo, dar é recibir horas do noso tempo, retroalimentándonos uns dos outros e das outras cos diferentes coñecementos demandados e ofertados.


As inscricións realizaranse no Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Vimianzo en horario municipal, no Telecentro ou no número de tlf. 981.716.001.



 
 
 

BOA ACOLLIDA PARA O BANCO DE TEMPO DE ZAS



O que segue é unha nota de prensa publicada nalgúns xornais a finais de febreiro:

O Banco de Tempo do Concello de Zas xa comezou a ofertar a súa axuda entre os veciños encontrando unha resposta excelente con varias persoas inscritas e unha asociación interesada.


O Banco de Tempo actuará como coordinador para que as persoas interesadas poidan intercambiar axudas e coñecementos en tarefas tan dispares como: dar e ensinar masaxes, reforma puntual de carpintería ou cerrallaría, facer recados ou conversar cun maior e axuda para xestións administrativas.


A xestora do Banco de Tempo, Sonia Ramos Lema, tamén informa que os servizos máis demandados en Zas son os de acompañamento de maiores para pasear, nocións básicas de cómo usar un ordenador ou ensinar como facer unha horta ou xardín.


Actualmente o Banco de Tempo atópase en fase de darse a coñecer entre a poboación do Concello, polo que se enviaron trípticos as casas, colgáronse carteis en edificios públicos e séguense a realizar presentacións aos cidadáns, pero continuanse deseñando accións de difusión para que a iniciativa de axuda veciñal sexa todo un éxito.


Para poder arrincar o proceso de difusión e inscrición de veciños, a axente de tempo Sonia Ramos tivo que crear a normativa de funcionamento e a documentación para un axeitado funcionamento do servizo.



Para máis información poden chamar o número de teléfono 981.708.303 e preguntar por Sonia Ramos Lema, Axente de Tempo do Concello de Zas.



 
 
 

O LOGO DO BANCO DE TEMPO DO CONCELLO DE VIMIANZO

Como ben é sabido por todos e todas os logos son unha forma de dar a coñecer unha Institución empregando tan solo unha imaxe e como “unha imaxe vale máis ca mil palabras”, no Banco de Tempo do Concello de Vimianzo aventurámonos a crear o noso propio logo.


Despois de moito pensar e intentar atopar unha imaxe que se adecuase o máis posible ó que representan os Bancos de Tempo escapando do típico reloxo, empregado xa na maioría dos bancos, ocorréusenos a idea de que o noso logo fose unha axenda .


As axendas tamén son unha forma de representar o tempo e todos e todas estamos acostumados a empregar co cal seria unha boa forma de representar o noso Banco do Tempo e que fose identificado con esta imaxe que vos mostro a continuación:







En canto as cores do logo decantámonos polo morado e polo verde por dúas razóns fundamentais:


1. En todo o relacionado co Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello empregamos tonos verdes.



2. Por outra banda, o morado é a cor da muller e da igualdade, este último valor está fomentado polos Bancos de Tempo.


Dende o equipo de xestión do Banco de Tempo de Vimianzo esperamos que sempre se nos identifique con este logo que elaboramos con tanta ilusión.








 
 
 

Equipo de Xestión do Banco de Tempo do Concello de Vimianzo

No Concello de Vimianzo o Banco de Tempo está xestionado directamente pola axente de tempo, Laura Castiñeira Vilariño, e ademais conta co apoio técnico do equipo de profesionais que constitúe o Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local. Este equipo está integrado por:

  • Rosa María Sánchez Martínez , Técnica Local de Emprego e Xefa do Servizo.
  • Evaristo Suárez Corzón , Axente de Emprego e Desenvolvemento Local.
  • Ivanna Vidal Domínguez , Auxiliar da OMIC
  • Lorena Cernadas Soto , Administrativa-Informática
  • María José Villaverde Carballo , Titora de Formación e Inserción do Programa Experimental de Emprego.
  • Natalia Corbelle Romero, Monitora de Formación e Inserción do Programa Experimental de Emprego.

A existencia dun equipo multidisciplinar permite o enriquecemento do traballo da axente de tempo a hora da elaboración e desenvolvemento de proxectos para os seus usuarios e usuarias. Aproveitando as facetas que cada un deles esta a levar a cabo dentro do departamento.



Nesta foto aparecen por orden de arriba a abaixo e de esquerda a dereita: Natalia Corbelle, Ivanna Vidal, Evaristo Suárez, María José Villaverde, Laura Castiñeira e Rosa Sánchez.



Nesta foto aparece Laura Castiñeira, Axente de Tempo do Concello, con Lorena Cernadas, Informática do Concello, que colaborou activamente na creación deste blog.




 
 
 

TALLER DE DESEÑO E ELABORACION DE ALFOMBRAS. Banco de Tempo Carballo

O Banco de Tempo de Carballo está a organizar un Taller de Deseño e Elaboración de alfombras, no cal poderá participar toda a poboación do Concello de Carballo.

Nesta caso, serán os usuarios e as usuarias do Centro ASPABER os encargados e encargadas de ceder o seu tempo, para ensinarlles ós participantes e ás participantes no taller, a deseñar ás súas propias alfombras e posteriormente elaboralas de xeito artesanal.


O desenvolvemento da actividade está previsto para os días 11, 18 e 25 de marzo e o 1 de abril ás 17:30 horas, no local de ASPABER, situado no lugar de a Brea, en Carballo.


A participación neste taller, ó igual que en calquer outro que se desenvolva dende o Banco de Tempo, será gratuita. Os interesados poderán inscribirse na oficina do Banco de Tempo, situada no primeiro andar do edificio do antigo ambulatorio de Carballo, ou ben chamar ó teléfono 622 566 228; onde serán atendidos pola Axente de Tempo, Sandra Reimúndez.


Dende o Banco de Tempo de Carballo, queremos animar a toda a poboación do Concello a participar nesta actividade e agraderlle a ASPABER a súa participación no Banco de Tempo; así como felicitalos pola importante labor que están a facer en prol das persoas con discapacidade intelectual.


MOITAS GRACIAS
 
 
 

BANCO DE TEMPO DE CABANA DE BERGANTIÑOS

UN POUCO DE HISTORIA

O noso Banco de Tempo, comezou a súa andaina o 22 de Setembro do 2008, ten a súa ubicación na Casa da Cultura, onde está a axente de Tempo, María Vanessa Andrade Lema, nun horario de 14:30 a 21:00.

Os primeiros meses, traballamos sobre todo na redacción e perfeccionamento dos estatutos que recollen a normativa que rexe o funcionamento déste; redacción e aprobación dun Réxime Interno, das Normas Xerais de Funcionamento.

Pero tamén en tarefas de difusión por locais sociais parroquiais, aproveitando cada actividade que se realice para difundir este servizo.

O máis importante, dende o noso Banco de Tempo é conseguir participación cidadá, motivar ás persoas a que coñezan e empreguen este servizo e sobre todo velar pola satisfacción das usuarias e dos usuarios.

A nosa presentación pública foi o 17/10/2008: cunha proxección en PowerPoint, resaltando os aspectos máis relevantes sobre o funcionamento do Banco de Tempo, pretendíase sobre todo familiarizar ó municipio con este servizo, que coñeceran onde estamos e en rasgos xerais as características do mesmo.

O NOSO PRIMEIRO INTERCAMBIO

O día 02/11/2008 produciuse a primeira actividade entre as usuarias do Banco de tempo: co motivo de coñecerse un pouco, intercambiar a súa opinión sobre o Banco de Tempo e as súas expectativas con respecto a este servizo. Prepararon os seguintes doces:

À Chulas de cabaza

À Rosquiñas

À Biscoito de iogur

À Castañas cocidas con fiuncho

OS NOSOS SERVIZOS

Dende o Banco de Tempo de Cabana ofrecémonos para:

1. ATENCIÓN ÁS PERSOAS:

À COIDADO E ACOMPAÑAMENTO DUNHA PERSOA MAIOR OU CON PROBLEMAS

Á COIDADO DE NENOS

2. BENESTAR E SAÚDE

À SERVIZO OU ASESORAMENTO EN PERRUQUERÍA

3. TRABALLOS DOMÉSTICOS

À PASA-LO FERRO

Á COSTURA: PEQUENOS ARRANXOS DE COSTURA

Á ENSINAR E INTERCAMBIAR RECEITAS DE COCIÑA

4. FORMACIÓN

À PODEMOS OFRECER CLASES DE CONVERSA EN:

Á INGLÉS

Á FRANCÉS

Á ITALIANO

Á ALEMÁN

À PARTICIPACIÓN EN TERTULIAS SOBRE TEMAS DE INTERESE OU PARA COMPARTIR EXPERIENCIAS PERSOAIS

À IMPARTIR UNHAS CLASES DE ORTOGRAFÍA

E Gustaríamos recibir:

À CHARLAS OU COLOQUIOS SOBRE TEMAS DE ACTUALIDADE.

À APRENDER NOVAS HABILIDADES

À COMPAÑÍA PARA PASEAR OU ACUDIR A OUTRAS ACTIVIDADES

À RECIBIR UNHA PEQUENA CLASE DE ORTOGRAFÍA

À PARTICIPAR NUN COLOQUIO NO QUE SE COMPARTAN EXPERIENCIAS VIVENCIAIS

À COMPARTIR RECEITAS DE REPOSTERÍA E PEQUENOS TRUCOS DE COCIÑA

À QUE NOS FAGAN UNS DOCES CASEIROS

Nun Banco de Tempo, pódese demandar ou ofertar unha cantidade tan variada de servizos como desexen os seus usuarios e as súas usuarias, polo que dende aquí animo a tódalas persoas que consideren esta idea como creativa e interesante a que se acheguen e informen sobre os pormenores do noso Banco de Tempo.

NA ACTUALIDADE…

Están afiliadas ó Banco de Tempo 7 persoas que ata o día de hoxe realizaron uns 11 intercambios, dos cales unha alta porcentaxe foron intercambios grupais, dado que son as actividades máis demandadas e satisfactorias.

Traballamos para aumentar o número de persoas participantes e así diversificar os nosos servizos.

Pretendemos utilizar esta plataforma de comunicación para informar sobre o Banco de Tempo on line e poder así chegar a tódalas persoas interesadas.

DATOS DE CONTACTO

Estamos a vosa disposición na Casa da Cultura de Cabana de Bergantiños, de luns a venres nun horario de 14:30 a 21:00

Teléfonos de contacto

981-754020/981-754230

E-mail do Banco de Tempo de Cabana de Bergantiños

bancodetempo.cabana@gmail.com

 
 
 

BDT (Banco de Tempo) ZAS


O Concello de Zas pon a disposición dos seus veciños un novo servizo: o

“Banco de Tempo”


Este é un sistema de intercambio de servizos e/ou coñecementos entre os veciños do Concello de Zas onde a única unidade de intercambio e de valor é o tempo.



Trátase de crear un marco de intercambio de tempo entre as persoas que axude a resolver problemas da vida cotiá (axudando así a conciliación da vida familiar, persoal e laboral). Un grupo de persoas motivadas para intercambiar tempo invirten horas en ofrecer un servizo ou actividade e a cambio demandan horas doutros servizos que necesiten .



Debemos ter claro que nin é un voluntariado (xa que no Banco de Tempo non so damos, senón que tamén recibimos algún servizo a cambio do que ofrecemos), nin é unha forma de realizar traballos ou servizos baratos, encubertos ou remunerados.



No Banco de Tempo de Zas poderás atopar SERVIZOS relacionados con actividades da vida cotiá como:



- Axudas puntuais con tarefas escolares.

- Realización de favores domésticos.

- Axuda para xestións administrativas.

- Actividades de ocio.

- Labores de coidado ou de compaña.

- Idiomas.

- Trasmisión de coñecementos populares.

- Tarefas relacionadas co ensino de novas tecnoloxías.
- Outras.


A SÚA DINÁMICA É MOI SINXELA:

Unha persoa particular interesada en apuntarse acude á sede do banco de tempo, a axente de tempo recibea e tomalle os datos necesarios. Unha vez conforme cas normas de funcionamento do banco a persoa comenta que servizos está disposta a ofrecer e cales lle gustaría demandar. A partir de ahí a axente de tempo encargarase de poñer en contacto a esa persoa cos participantes do Banco de Tempo que nese momento poden intercambiar servizos con ela.


Polo tanto, calquera persoa inversora que estea disposta a dar unha hora do seu tempo para prestar un conxunto de servizos, recibe a cambio unha hora do servizo doutra persoa, para utilizar en beneficio propio.



Tódalas habilidades terán o mesmo valor, é decir, unha hora é unha hora, independentemente do servizo que se ofreza ou se reciba. Non teñen porque coincidir a persoa que da coa que recibe , o receptor dun servizo deberá ao banco o tempo equivalente, podendo beneficiarse dese tempo calquera membro do banco.



E PODE APUNTARSE ¡TODO AQUEL QUE QUEIRA !



A única condición é que estés empadroado no Concello de Zas e sexas maior de idade.


Tratase de fomentala cooperación entre homes e mulleres, entre persoas de diferente idade e condición, entre autóctonos e recén chegados… co fin de intercambiar tempo e habilidades. Todo o mundo da e recibe e a contribución de cada un valorase por igual. Non importa a idade, sexo ou raza, todos temos algo que ofrecer.



¡INFORMATE SEN COMPROMISO!

Teléfono: 981.70.83.03

E-mail: bancodetempo@zas.dicoruna.es

Ou pregunta pola axente de tempo: Sonia Ramos, na sede do Banco de Tempo:

Oficiñas do Concello de Zas, horario de 9:00 a 14:00 .



 
 
Página 1 de 1. Total : 17 Artículos.