Blog dos Bancos de Tempo da Costa da Morte

Coñece que son os Bancos de Tempo e que poden facer por ti!

Abril, 2009

 

TEMPO DE PASEO

O mércores día 22 de Abril, realizamos o primeiro Paseo por Cabana, nunha tarde soleada participaron na camiñata 7 usuarias do Banco de Tempo, fixemos unha camiñata de case dúas horas.


Onde tivemos tempo para facer exercicio nun entorno inmellorable: todo rodeado de natureza e co son do río de fondo ; rememorando “vellas” lembranzas da infancia, logo María coa axuda de Elisa e Lola, recolleron flores, e quedoulles un ramo ben bonito e finalmente degustamos unha merenda fantástica: Café ou té preparado por María, Biscoito feito por Elisa e María Jesús trouxo unhas uvas e tamén uns bombóns porque tamén celebrábamos o día do seu cumpreanos.


Unha tarde fantástica, cunha actividade divertida e interesante e cunha compañía aínda mellor.


Agardamos que se apunten máis persoas ó próximo paseo, mentres tanto podedes observar nestas fotos, canto nos divertimos e o relaxadas que estabamos.


Posando para a Primeira Foto do día

Facendo un descansiño, porque facía calor e non estamos acostumadas ás camiñatas

María recollendo flores silvestres e quedoulle ben bonito o ramo ainda que participamos todas

Posando todas orgullosas e con ganas de probar o biscoito e cun rico aroma do café.


 
 
 

SESIÓN DE ESTIRAMENTOS

O xoves, 16 de abril, celebrouse o primeiro intercambio grupal do Banco de Tempo do Concello de Cee. Este consistiu nunha SESIÓN DE ESTIRAMENTOS que se impartiu as 10:30 no ximnasio do antigo instituto Agra de Raíces. A clase foi impartida pola fisioterapeuta Mª Elisa Martínez Pérez e asistiron 13 mulleres.

Elisa explicoulles ás asistentes a importancia de traballar o noso corpo, non só cando nos doe, senón tamén por prevención. Sinalou que os exercicios de estiramentos, feitos a diario, poden chegar a mellorar a nosa calidade de vida como non imaxinamos, xa que, sérvennos para mellorar postura e dores, manternos en forma, previr lesións e recomenda facelos, polo menos, antes e despois do deporte.




Dende o Banco de Tempo queremos agradecer a participación tanto da profesora como das alumnas e felicitar a profesora, xa que, segundo dixo algunha asistente “a clase encantoume, foi corta pero moi ben aproveitada”.




O feito de que a actividade estea promovida polo Banco de Tempo significa que, neste caso Elisa, a profesora, ofreceu desinteresadamente o seu tempo e coñecementos profesionais ás demais persoas participantes e, a cambio, ela pode participar nas actividades que queira do banco de tempo ofrecidas polas demais.


Esta semana comezou o Obradoiro de Estética do Banco de Tempo, martes e mércores de 10:15 a 11:45 no instituto vello Agra de Raíces e terá unha duración de catro semanas. A profesora será a esteticista e perruqueira da Academia Sol y Mar, Eva María Rodríguez Rodríguez, a cal tamén asistiu a sesión de hoxe de estiramentos.


OFRECER E RECIBIR esa é a mecánica dun Banco de Tempo!


Para máis información poden acercarse pola Oficina no 3º andar da Casa do Concello, chamar ao teléfono 981 706 120 ou escribir ao correo electrónico: bancodetempo.cee@hotmail.com



 
 
 

NOVA DE INTERESE

AS INCLEMENCIAS DO TEMPO

Dende o Banco de Tempo de Cabana facemos saber que pese ó interesante proxecto de organizar Paseos por Cabana, ainda non foi posible levar a cabo este proxecto debido ás peculiares características metereolóxicas destas últimas dúas semanas, agardamos que o refrán de “Abril, Augas mil” non se cumpra estrictamente e poder levar a cabo este proxecto o mércores próximo.

Pido desculpas e agardo poder publicar a próxima semana un artigo onde comunicar a satisfacción dos usuarios e usuarias co proxecto “Tempo de Paseo”

 
 
 

Obradoiro de Abalorios en Carballo


O Banco de Tempo de Carballo ten previsto o comezo dun Obradoiro de Abalorios para o próximo mércores 29 de abril e estenderase ata o 27 de maio.
Neste taller ensinarase a elaborar complementos de moda con abalorios.
A persoa encargada de impartir a formación será unha usuaria do Banco de Tempo, a cal ten coñecementos na materia.
A asistencia é gratuita, como en todas as actividades que se organizan dende o Banco de Tempo.
O horario será de 17:00 a 18.30 horas e lugar de celebración será o Pazo da Cultura de Carballo, situado na Rúa do Pan s/n.



As persoas interesadas deberán inscribirse ata o 27 de abril na oficina do Banco de Tempo de Carballo, situada no edificio do antigo ambulatorio. Avda do Ambulatorio s/n, 1º andar.

Para máis información contactar con Sandra Reimúndez no teléfono 622 566 228 ou bancodotempo.carballo@hotmail.com

 
 
 

SERVIZOS DO BANCO DO TEMPO DO CONCELLO DE SANTA COMBA

SERVIZOS QUE SE OFERTAN EN DEMANDAN NO BANCO DO TEMPO

SERVIZOS OFERTADOS

  • Axuda en nocións básicas de informática a nivel usuario.
  • Nocións básicas de como funciona un teléfono móbil.
  • Asesoramento na eleccción de libros de lectura.
  • Axudas puntuais en tarefas do fogar a persoas maiores.
  • Reparacións sinxelas en electricidade ou fontanería.
  • Envío de correo postal.
  • Labores de coidado e compaña a xente maior que o precisa.
  • Compartir desprazamentos en coche.
  • Axudas de índole administrativa.
  • Recollidas puntuais de receitas médicas.
  • Gravacións musicais.
  • Receitas de cociña.

SERVIZOS DEMANDADOS

  • Informática avanzada (creación páxinas Web, internet avanzado, Autocad, excell avanzado).
  • Clases de baile.
  • Receitas de cociña creativa.
  • Manualidades creativas, pintura.
  • Axuda en pequenas tarefas do fogar.
  • Pequenos arranxos na roupa en situacións puntuais.
  • Axudas puntuais en limpeza da casa.
  • Axudas puntuais en xardinería.

Se estás interesado en participar nesta iniciativa e queres compartir os teus coñecementos, non o dubides e apúntate.

Axencia Municipal do Banco do Tempo

Casa da Cultura. Avda. Alfonso Molina s/n. 15840. Santa Comba

Teléfono: 981 818679 / Fax: 981 880401

Persoa de contacto: Dolores Nariño Facal

Correo: bancodetempo@santacomba.es

 
 
 

Remata o Obradoiro de Estética do Banco de Tempo de Vimianzo



Onte, luns 13 de abril, o Concello de Vimianzo puxo punto e final o Obradoiro de Estética que organizou o Banco de Tempo. Esta xornada, a diferencia das anteriores, tivo lugar na perruqueria da mestra, Belén Calo, situada no lugar de Padreiro (Baíñas), a cita foi as 21 hrs. Para facer a clausura do curso contamos coa presencia de Manuel Rodríguez Blanco, Conselleiro de Obras e natural da mesma parroquia.



As usuarias do Obradoiro decidiron desplazarse ata alí despois da proposición que lles fixera Belén para facer un cambio de imaxe a algunhas delas, e claro, necesitaba varios utensilios de perruqueria que non era posible desplazar ata o Edificio de Servicios Múltiples de “A Torre”, lugar onde se celebraron as 3 sesións anteriores.



Os resultados foron excelentes, como non, as tres usuarias que fixeron o cambio de imaxe estaban guapísimas e aínda parece que lle sacou anos de enriba e todo. A parte disto, se facemos un balance final deste taller cabe decir que tódolos trucos que lles ensinou a mestra vanlle servir para sacarlle un mellor partido a súa imaxe personal, obxectivo que inicialmente se pretendia acadar. Cabe destacar o bo ambiente que se disfrutou en todo momento e a amizade que está a espertar entre as usuarias do Banco.



Aproveitando a ocasión recordar que o receitario que se elaborou como resultado do Obradoiro de Cociña xa está editado e entregouse a varios usuarios e usuarias do Banco de Tempo. Como algunhas das participantes acudiron os dous Obradoiros a axente de tempo fixo entrega dos mesmos na última sesión de estética.





A axente de tempo fixo entrega dos receitarios a duas das usuarias do Banco de Tempo Pilar e Magdalena, que participaron en ambos Obradoiros.



Nesta foto aparece Carmen unhas das usuarias as que se lle fixo un cambio de imaxe



Na seguinte foto vemos a Pura a outra das participantes as que se lle fixo tamen un cambio de imaxe.



Nesta foto vemos a Manuel Rodríguez, Conselleiro de Obras, rodeado por Lorena Cernadas e Laura Castiñeira.



Aqui podemos ver unha composición de fotos na que se aprecia mellor os cambios de imaxe que fixo a nosa mestra Belen.


E na última foto vemos a tódolos usuarios e usuarias que participaron na última xornada o Obradoiro de Estética acompañados de Manuel Rodríguez.


E con todo isto remata o Obradoiro de Estética, con moita ilusión polos vindeiros proxectos que se presenten dentro da medida dos Bancos de Tempo do Concello de Vimianzo e polo bo traballo realizado pola nosa mestra Belen!!!!

Gracias por todo e pola túa profesionalidade!!!

 
 
 

CURSO DE MASAXES CO BANCO DE TEMPO DE ZAS


O Banco de Tempo do Concello de Zas comeza os intercambios grupais cunha interesante proposta:

CURSO DE INICIACIÓN A TÉCNICAS DE MASAXE E TERAPIAS ALTERNATIVAS.



Unha das usuarias do banco de tempo, Isabel Lagoa, será a encargada de impartir este curso, que contará de 5 talleres de hora e media cada un:

1- Iniciación a técnicas de masaxe I: aquí farase unha breve introducción ó tema, explicarase quen pode e quen non pode levar masaxes, cales son os puntos claves do corpo...

2- Iniciación a técnicas de masaxe II:
  • Aromaterapia.
  • Uso de arcillas.
  • Plantas medicinais.
3- Terapia sacrocraneal: explicarase de que son consecuencia os distintos dores de cabeza, dandose alternativas de masaxe para poder tratar cefaleas, migrañas...

4- Reflexoterapia: hidroterapia de pes.

5- Reiki: masaxe enerxético.

O curso está aberto a toda aquela xente interesada. Levarase a cabo no centro sociocultural de Zas os venres 8, 15, 22 e 29 de maio e o 5 de xuño e os participantes poderán elixir se asistir en horario de 18:00 a 19:30 ou de 21:00 a 22:30 .

As persoas interesadas en anotarse poderán facelo acudindo as oficiñas da planta baixa do Concello en horario de 9:00 a 15:00.

O prazo de inscrición remata o 6 de maio.


Por outra banda, como axente de tempo, sigo dando a coñecer o banco entre os veciños. Os últimos en recibir a miña visita foron os alumnos do obradoiro de emprego de Zas e as asociacións de veciños de Gándara e Meanos.

Aquí vos deixo as fotos con eles.











 
 
 

Terceira Xornada do Obradoiro de Estética do BdT de Vimianzo



Onte, luns 6 de Abril, tivo lugar a terceira xornada do Obradoiro de Estética que está a levar a cabo o Banco de Tempo do Concello de Vimianzo no Edificio de Servicios Múltiples de “A Torre”, esta sesión estivo adicada a manicura e a pedicura.



A nosa mestra, Belén Calo, despois das peticións de varias participantes do Obradoiro de aprender a darlle un axeitado coidado as mans, decidiu ensinar a facer as distintas técnicas de manicura e explicar como se empregan os diversos aparellos que existen para ter unhas mans perfectas. Como a manicura vai moi unida a pedicura pois tamén se escolleu outra voluntaria para facer o mesmo pero nos pes.



Os resultados foron moi bos e as usuarias do Banco de Tempo marcharon contentísimas con todo o aprendido ainda que pola contra algo tristes porque para a semana que ven xa é a última sesión do Obradoiro.



E falando da semana que ven, como o desenvolvemento desta actividade foi mellor do que pensabamos e o tempo tamén axudou, a vindeira xornada desplazarémonos a Padreiro (na parroquia de Baíñas) donde ten Belen a perruqueria, para que algunhas das participantes reciban consellos personalizados, como se fose un cambio de imaxe. Foi unha idea brillante proposta pola nosa mestra e seguramente teña moito éxito o igual que o resto das proposicións que nos fixo neste obradoiro, non deixa de sorprendernos.






Todas atentas as explicacións de Belén



A primeira manicura fixolla a Jenny, unha das nosas usuarias máis xovenciñas


E Lourdes marchou toda contenta porque nunca fixera a manicura francesa e Belen deixoulla perfecta


Carmen Oanes foi a voluntaria escollida, previa solicitude sua, para a pedicura e claro está primeiro hai que poñer os pes a remollo


E aqui temos os resultados da pedicura tamen con francesa


E das durezas nin rastro

MOI BEN BELEN CADA DÍA NOS SORPRENDES MAIS!!!!!
ERES TODA UNHA PROFESIONAL!!!!


 
 
 

O BANCO DE TEMPO DE CABANA ORGANIZA UNHA NOVA ACTIVIDADE

Tempo de Paseo en Cabana



Despois do éxito en actividades como as clases de ortografía e intercambios de receitas e trucos de cociña, coa chegada do bo tempo as usuarias e os usuarios do Banco de Tempo solicitan actividades ó aire libre, nas que gozar das nosas fermosas paisaxes baixo unhas condicións meteorológicas tan favorables.


Comezaremos cos Paseos por Cabana o mércores día 8 de Abril, cun percorrido dende Canduas polo Paseo dos Muiños . Despois de realizar a camiñada en agradable conversa, levaremos un aperitivo (cada persoa do Banco de Tempo que participe prepará algo) e compartírémolo entre todos e todas. Promovendo así algúns dos principais valores nos que se basea o funcionamento dos Bancos de Tempo: crear vínculos sociais e fomentar á cooperación e confianza interpersoal.


Tódalas persoas que desexen participar nesta actividade non teñen máis que achegarse á Casa da Cultura á Oficina do Banco de Tempo.


Banco de Tempo de Cabana de Bergantiños

Horario: de luns a venres de 14:30 a 21:00 na Casa da Cultura

Teléfono: 981754020

Correo electrónico: bancodetempo.cabana@gmail.com

Blog: www.bdtcostadamorte.ohlog.com

 
 
 

SEGUNDA SESIÓN DO OBRADOIRO DE ESTÉTICA DO BANCO DE TEMPO DE VIMIANZO




O pasado luns 30 de Marzo impartiuse a segunda xornada do Obradoiro de Estética do Banco de Tempo do Concello de Vimianzo, no Edificio de Servicios Múltiples de “A Torre”, as 21:00 hrs. Cunha duración de 2 horas aproximadamente e coa asistencia de tódalas participantes.



Nesta segunda sesión a mestra, Belén Calo, rematou as explicacións de maquillaxe. Facendo unha demostración de como se faría unha maquillaxe de día, moi sinxela, xa que para o día a día non é necesario empregar moitos productos simplemente cuns pequenos retoques nas imperfeccións chegaria.



A continuación, comenzou cuns trucos de peiteados, todos eles fáciles e rápidos de facer, e que calquera das presentes poderia elaborar na súa casa cun pouquiño de aplicación e práctica das leccións que lles dou a mestra. Os trucos foron para todo tipo de cabelos: largos, cortos, medias melenas, lisos, rizos e ondulados, xa que entre as participantes tivemos a sorte de ter unha mostra de cada un deles.



Ademáis respondeu a algunha das preguntas que lle formularon as usuarias despois de que a semana pasada, Belén, lles dixeran que foran pensando dúbidas ou curiosidades que tivesen do mundo da estética.



Para a vindeira semana ten previsto rematar os trucos de perruqueria; comenzar cas explicacións de manicura e pedicura e dar algun que outro consello personalizado a imaxe das súas alumnas.





Nesta foto aparece, María, unha das usuarias do Banco de Tempo rodeada por Belén a nosa mestra e Sandra a súa axudante.



Nesta foto vemos a Belén facendo unha demostración dun peiteado rápido para un pelo corto e tomou como maniki a, Julia, unha das asistentes o Obradoiro.
 
 
 

OS SERVIZOS DO BANCO DE TEMPO DE ZAS


O Banco de Tempo do Concello de Zas conta xa con 8 socios dispostos a compartir o seu tempo.

Malia que polo de agora a xente se anima mais a prestar que a recibir servizos temos ofertas e demandas variopintas, que vos paso a comentar.


SERVIZOS OFERTADOS:

- Ensinar a facer masaxes.
- Acompañar ou falar cun maior.
- Reformas puntuais de carpintería ou cerrallaría.
- Axudas de índole administrativa.
  • redacción de textos legais ou administrativos.
  • servizo de normalización lingüística: traducción de textos ó galego.
  • axuda na creación do curriculo vitae.
  • levar documentación ou presentala nunha oficina pública.
  • axuda para cubrir impresos a ordenador.
  • orientación laboral.
- Axuda para facer recados.
- Desprazamentos puntuais en coche.
- Ensinar a calcetar.



SERVIZOS DEMANDADOS:

- Acompañamento de persoas maiores para pasear.
- Ensinar como se fai unha horta ou xardín.
- Nocións básicas de informática.
- Compañía para xogar as cartas ou o xadrez.
- Masaxes.




Así que xa sabedes, se estades interesados nalgún dos servizos ofertados ou credes que vos poderiades ofrecer algún dos que se demandan, non perdades tempo e acudide as oficiñas do Concello de Zas, na planta baixa, alí poderedesvos apuntar nesta interesante iniciativa.


 
 
Página 1 de 1. Total : 11 Artículos.