Blog dos Bancos de Tempo da Costa da Morte

Coñece que son os Bancos de Tempo e que poden facer por ti!

Mayo, 2009

 

Banco de Tempo do Concello de Laxe

O Concello de Laxe conta cun Banco de Tempo dende o pasado mes de novembro, momento no cal se contratou a Axente de Tempo para responsabilizarse da posta en marcha deste novo proxecto e logo xestionalo unha vez aberto ó público.

A mediados de abril con todo validado pola Consellería de Traballo e aprobado na Xunta de Goberno Local, a Axente comenzou a divulgación desta nova iniciativa.



O primeiro paso foi poñerse en contacto coas Asociacións do Concello (un total de 25 asociacións). O 24 de abril a Axente de Tempo organizou unha reunión cunha presentación powerpoint explicando o funcionamente e os obxectivos desta nova iniciativa. A reunión resultou moi beneficiosa logrando un compromiso de poder utilizar as xuntanzas e os cursos que organizan as propias asociacións cos seus socios, para achegar o mecanismo do Banco a todas e a todos que participan.


O traballo da Axente de Tempo continuou creando folletos e carteis que promocioaran o Banco no municipio. Os tripticos que se publicaron achegaronse a todas e todos por buzoneo. Éstes levaban a notificación dun horario de atención ó público nas seis parroquias do Concello de Laxe. Con isto o Banco de Tempo de Laxe pretende acercarse a xente animandolles a participar.


Igualmente a Axente continuou o seu traballo acercandose os cursos que ofrece o concello (alfabetismo/E.S.A./Coral/ etc.) Todo para darlle a coñecer o Banco de Tempo á máxima cantidade de xente. Está claro que un Banco de Tempo precisa que se apunte xente, sen xente non se pode facer nada.


Recordemos que o Banco de Tempo está aberto a todos e a todas. Este sistema de intercambio de servizos e coñecementos permite:

  • resolver necesidades diarias
  • compartir cos demais o que sabemos facer
  • sacar máis probeito do noso tempo libre
  • fortalecer os pilares da convivencia
  • fomentar un concello máis cercano e máis solidario

Para máis información ou para aclarar calquera dúbida,

chame á Axente de Tempo no teléfono: 981 706 903 Ext. 210


Infórmese sen compromiso!

 
 
 

ULTIMA CLASE DE ORTOGRAFÍA

CLAUSURA DAS CLASES DE ORTOGRAFÍA


O Banco de Tempo de Cabana clausurou hoxe unha das actividades que máis aceptación obtivo dentro das usuarias do Banco: A CLASE DE ORTOGRAFÍA dos mércores ás 16:00.


Por un problema puntual cambiouse a última clase para o xoves.


Comezamos con esta actividade o mércores 28 de xaneiro e realizáronse un total de 13 clases, contamos cun profesor de luxo e asistían regularmente 5 usuarias ás súas explicacións.


Aparte de aprender a acentuación das palabras, a puntuación de textos e outros coñecementos para mellorala súa ortografía, nestas clases tan especiais ás persoas relacionáronse unhas coas outras e compartían opinións e experiencias.


Tamén se produciu o intercambio dalgún libro de lectura entre profesor e alumnas.


Todas e todos expresaron a súa satisfacción por participaren nesta experiencia e notábase o agradecemento mutuo.


Quero expresalo meu agradecemento ó profesor e tamén ás alumnas porque algunha penso que fai anos que non asiste a clases e cónstame que lles supuxo un esforzo.



Nesta imaxe podemos ver a Elisa, Lola, María Jesús e Fina acompañadas polo profe, Paco.


Teño que añadir que nesta fotografía falta María, que non puido acudir a esta clase, pero que foi unha das alumnas máis aplicadas.


MOITAS GRAZAS

 
 
 

Taller de Artesania Textil de Vimianzo


Primeira Semana do Taller de Artesanía Textil

O pasado mércores 20 de Maio comezou o programa de actividades do Taller de Artesanía Téxtil que se está a levar a cabo no Edificio de Servicios Múltiples de “A Torre” en horario de tarde.


A primeira actividade foi a de ganchillo, comezou ese mesmo día as 18:00 h e tivo unha duración de unha hora e media. A mestra encargada desta actividade é Manuela Rodríguez Diéguez, usuaria do Banco de Tempo dende o pasado mes de Abril. Recibiu a resolución de dúbidas puntuais en informática durante o citado mes e a cambio vai compartir coas demais usuarias os seus grandes coñecementos de ganchillo.



Aqui podemos ver a Manuela a nosa mestra de ganchillo ensinando unhas mostras de traballos feitos por ela para dar ideas entre as súas alumnas.


A segunda actividade foi costura, comezou o venres 22 de Maio as 18:00 h e tivo unha duración dunha hora e media aproximadamente. Neste caso a mestra encargada é Francisca Antelo Pazos, costureira de profesión de toda a vida e tamén a primeira usuaria que tivo o Banco de Tempo. Ó igual que Manuela recibiu unhas horas de resolución de dúbidas de informática e a cambio vai transmitir os seus amplos coñecementos no eido da confección.


Nesta foto vemonos en a Francisca a nosa mestra de costura (a primeira da chaqueta vermella) ensinando a dar unhas costuras na máquina as súas alumnas.

Esta semana, máis en concreto o pasado luns 25 de Maio, comezaron as demais actividades: calceta, vainica e punto de cruz. A vainica e a calceta tiveron lugar simultaneamente a partir das 17:00 h xa que son impartidas pola mesma mestra, Flora Matilde Barreiro Domínguez, a usuaria de maior idade do Banco de Tempo e tamén unha das primeiras en adherirse a este proxecto, fíxoo xa no mes de Xaneiro e o igual cas anteriores mestras recibiu unhas nocións de informática básica e a cambio vainos transmitir a súa sabedoría neste antigas labores de artesanía.


Na seguinte foto vemos as alumnas de calceta e vainica, van xuntas porque a mestra é a mesma, tamen aparece na foto é a señora de verde.

A mestra de calceta, Flora, tamen trouxo mostras, para dar ideas as alumnas tanto de vainica como de calceta.

No referente o punto de cruz, nun principio, tíñamos pensado que se realizara ó rematar calceta e vainica pero como as usuarias deste taller son moitas das que acudiron os anteriores e xa hai lazos de amizade entre elas decidiron seguir todas xuntas, cada unha coa súa labor.


A mestra encargada de impartir as ensinanzas de punto de cruz é Rosario García Vilavedra, é a última das usuarias que se anotou para participar desta medida. A historia de Rosario é moi peculiar xa que, nun primeiro momento, as actividades de punto de cruz non se ían levar a cabo porque a usuaria encargada das ensinanzas non podía asistir por motivos laborais.


Cando as usuarias do banco de tempo, interesadas nesta actividade, coñeceron a noticia de que se suspendía o punto de cruz puxéronse mans a obra para atopar unha mestra. Foron elas mesmas as que lle explicaron a Rosario en que consistían os talleres e todo o relacionado coa metodoloxía de funcionamento dos Bancos de Tempo. Para finalmente poñe-la en contacto coa axente de tempo.



Nesta foto vémonas a todas atareadas e no fondo esta Charo a mestra de punto de cruz (a do xersei rosa)


Como podedes ver estaban todas atarefadas cada unha coa súa labor

Outra foto mas para que vexades todo o que traballaron e aprenderon o mesmo tempo

Para min como axente de tempo este feito é un gran paso xa que demostra que a veciñanza do noso Concello estase concienciando de como realmente funciona esta medida é do boa que pode ser para todos e todas.


E por último esta foto na que estan todas as alumnas de punto de cruz, vainica e calceta acompañadas das respectivas mestras.














 
 
 

TERAPIA SACRO CRANEAL, 3º TALLER DO CURSO DE MASAXES


O pasado venres, 22 de Maio, tivo lugar en Zas o 3º taller do curso de masaxes do Banco de Tempo, que nesta ocasión versou sobre a terapia sacro craneal ou craneo sacral.

O sistema sacro-craneal é un sistema contido dentro dunha membrana que envolve o cerebro e o cordón espiñal e que ten como función a producción, circulación e reabsorción do fluido cerbroespiñal. Nesta membrana hai un continuo subir e baixar da presión dese fluido e o pulso dese fluido é, o igual que o latido do corazón e a respiración, transmitido a todolos texidos e estruturas do corpo como un movemento involuntario e espontáneo con ritmo determinado. Cando encontramos movemento desequilibrado, indica que as funcións normales do corpo poden estar en conflicto e polo tanto podense desenvolver síntomas. Polo tanto, o obxectivo do terapeuta sacro craneal é avaliar e tratar este sistema da forma menos intrusiva posible, usando pouca forza na palpación e tratamento, axudando ó corpo a restablecer un movemento equilibrado.


Isabel Lagoa puxo en práctica ese tratamento cos participantes, por eso vemos nas fotos como se sentaron a escoitar esas fluctuacións primeiro nos pés e despois na cabeza, para máis tarde dar paso a un tipo de masaxe relaxante nesas zonas.



Unha vez máis este taller volviu a ter o acollemento e satisfacción esperados, e os asistentes están desexando volver a encontrarse o próximo venres na seguinte sesión, que será sobre reflexología podal.

 
 
 

Amplíase o Obradoiro de ABALORIOS de Carballo



O Obradoiro de Abalorios que está a impartir unha usuaria do Banco de Tempo de Carballo está resultando tan entretido para as participantes, que mostraron interés en ampliar o número de sesións.

As datas previstas de remate desta actividade estaban fixadas no día 27 de maio, pero trala petición das usuarias e a aceptación por parte da profesora, o Obradoiro continuará ata o vindeiro 17 de xuño.

Neste intercambio, as participantes confeccionaron complementos de moda con abalorios.
As de maior éxito foron as xoias ( os aneis, os pendentes, as pulseras e os colgantes ).

Como en todos os intercambios do Banco de Tempo, cabe destacar a gratuidade destas actividades, nas cales poden participar todas as persoas que formen parte do noso Banco de Tempo.
 
 
 

2º TALLER DO CURSO DE MASAXES


"INICIACIÓN A TÉCNICAS DE MASAXE II", así levou por título o segundo taller do curso de masaxes do Banco de Tempo do noso Concello que se celebrou o pasado venres 15 de maio. Desta tanda a temática versou sobre o uso de arcillas, plantas medicinais e aromaterapia.

Nestas fotos vemos a Isabel explicando o uso das arcillas e de distintas prantas


Empezamos retomando a temática do día anterior e falando dalgúns puntos do corpo bastante importantes que quedaran sen mirar, seguidamente Isabel Lagoa, comezou a explicar as propiedades dalgunhas plantas que a maioría de nos temos na casa e non sabemos para que poden valer e o ben que nos poden facer ante determinadas situacións e finalmente explicou tamén o uso das arcillas para xa despois deixar paso a parte práctica (ca que máis disfrutan os asistentes) e permitir que os voluntarios se fosen poñendo na camilla.




O nivel de asistencia e participación foi o mesmo ca semana pasada, todos quixeron repetir despois da boa experiencia do día anterior. Así que, de novo (como dixemos antes), un por un, despois de oir as explicacións teóricas de Isabel, foron pasando pola camilla e poñendo en práctica os novos coñecementos.


Os asistentes ó curso practican o aprendido



Cabe dicir, que nesta sesión non dou tempo a explicar todo o que se tiña programado, xa que debido a que o tempo de hora e media se nos queda corto, faltou por dar a parte de aromaterapia, e de feito os asistentes xa se están comezando a plantexar se alargar o curso uns días mais.


 
 
 

COMEZA O CURSO DE MASAXES DO BDT DE ZAS



O pasado venres, 8 de Maio, tivo lugar o primeiro taller do curso de iniciación a técnicas de masaxe e terapias alternativas do Banco de Tempo de Zas.

Este taller consistiu nunha primeira iniciación as técnicas de masaxe, contemplando aspectos como: cales son os puntos clave do corpo, que formas de masaxe hai ou que aceites e cremas se poden usar para dar masaxes.

A él asistiu un grupo de 12 persoas, xa que, ainda que nun primeiro momento se pensaba facer dous turnos, un en horario de 18:00 a 19:30 e outro de 21:00 a 22:30, finalmente decidiuse quedar co ultimo grupo, porque á maioría da xente lle viña mellor esa hora.

Posto que a encargada de impartir o curso estaba máis interesada en que os alumnos visen máis a parte práctica que a teórica, cada asistente foi pasando pola camilla voluntariamente e pudo ser tanto "masaxeador" como "masaxeado". Esta primeira toma de contacto serviu para que,
a medida que se desenvolvía o taller, os asistentes foran forxando lazos de confianza.

E así foi, conseguiuse crear un ambiente cálido e acolledor, xa que todolos asistentes marcharon cun bo sabor de boca e un pouco mais relaxados, valorando esta primeira sesión de forma positiva e desexando repetir o próximo venres.



Aquí vemos a Isabel explicando nocións básicas sobre técnicas de masaxe.



Un dos asistentes masaxea a outro tras a explicación de Isabel.


Os alumnos observan como Isabel masaxea a unha das asistentes.




 
 
 

Xornadas

XORNADA SOBRE
OS BANCOS DO TEMPO


A través do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller terá lugar a próxima xornada dos Bancos do Tempo, na que se fará unha aproximación a esta medida (que é, como funciona, obxectivos ...), comentarios de experiencias da posta en marcha doutros bancos e o Trocatempo.



15 DE MAIO – 19:00 HORAS

SALÓN DE ACTOS DA

CASA DA CULTURA – BEMBIBRE



NON É NECESARIA INSCRIPCIÓN PREVIA

MÁIS INFORMACIÓN NO TELÉFONO 981889000


 
  • Publicado: Miércoles, 13 Mayo 2009 08:14:08 GMT
  • En: Val do Dubra
  • Permaenlace: Xornadas
  • Comentarios: 3
  • Leído 1162 veces.
 
 

NOVO OBRADOIRO DO BANCO DO TEMPO DO CONCELLO DE SANTA COMBA


APRENDE ALEMÁN BÁSICO CO BANCO DO TEMPO


O Concello de Santa Comba a través do Banco do Tempo levará a cabo un obradoiro onde se impartirán nocións básicas do Alemán, durante o meses de maio e xuño. O obradoiro será impartido por unha usuaria do Banco experta na materia.


O obradoiro será gratuito e impartirase no edificio da Casa da Cultura.


Incrición e prazo: o prazo remata o 18 de maio na oficina do Banco do tempo.


As prazas serán limitadas


Para máis información:
Axencia Municipal do Banco do Tempo.Casa da Cultura.
Avda. Alfonso Molina s/n 15840.Santa Comba.
Teléfono: 981818679/981880275 - Fax: 981880401
Correo:
bancodetempo@santacomba.es

 
 
 

Obradorio de Artesania Textil





O Equipo de Xestión do Banco de Tempo do Concello de Vimianzo está ultimando os preparativos para poñer en marcha un Obradoiro de Artesanía Textil , seguindo a metodoloxía de funcionamento de dita medida.


Neste Taller impartiranse ensinanzas básicas de oficios que se engloban dentro do eido textil e que normalmente eran os que desempeñaban as nosas nais e avoas nun pasado moi recente. Deste xeito queremos acadar un dos obxectivos que se plantexou inicialmente: transmitir a sabedoría popular para que determinadas actividades ou oficios non queden no esquecemento.


O Taller desenrolarase de luns, mércores e venres en horario de tarde e cada día teremos unha actividade diferente e unha mestra diferente, todas elas usuarias do Banco de Tempo, a duración será de tres días a semanas dende o 20 de Maio ata ó 22 de Xuño . As actividades que trataremos son as seguintes:

  • Calceta.
  • Vainica.
  • Ganchillo.
  • Costura.
  • Palillo.
  • Punto de Cruz.

A axente de tempo do Concello plantexa a posibilidade de que nos apuntemos a tódalas actividades ou solamente a aquelas ou aquela na que teñamos un interese por aprender uns coñecementos iniciais.


Lembrar a todos e todas os interesados e as interesadas que é totalmente gratuito. A única moeda de pago por asistir a este Taller será o tempo, é dicir, teremos que devolver as horas que recibamos en horas do noso tempo, para así seguir a metodoloxía de funcionamento dos Banco de Tempo.


Para participar no obradoiro cada persoa que veña deberá traer o material necesario para a actividade ou as actividades que escollese, que será indicado de antemán pola axente de tempo.


As inscricións poden realizarse nas oficinas do Concello no Servicio de Emprego e Desenvolvemento Local, no telecentro (o mércores pola tarde) ou no número de teléfono 981.716.001, onde ser preguntará por Laura Castiñeira Vilariño axente de tempo do Concello. A data límite para anotarse será o día 20 de maio.







 
 
 

Primeira Xuntanza de Usuarias do Banco de Tempo de Vimianzo


O pasado venres, 24 de abril, tivo lugar a primeira reunión de usuarias participantes da medida do Banco de Tempo do Concello de Vimianzo. A iniciativa de realizar esta xuntanza partiu das propias usuarias xa que entre elas existe unha grande amizade.


En vez de ser unha reunión das convencionais nas que nos sentamos a compartir as nosas ideas nunha sala, decantáronse por desplazarse a unha coñecida casa de comidas da capital do Concello, Casa Sabina, para degustar unha cea.


Ó mesmo tempo desenvolveron unha animada conversa comentando as experiencias vividas nos obradoiros do Banco de Tempo, ós que asistiran, e tamen de futuras actividades que se poderían levar a cabo. Deste xeito a axente de tempo serviulle para coñecer as súas necesidades e evalualas para desenvolver novas iniciativas seguindo a metodoloxía do intercambio de tempo.


O número de asistentes foi bastante elevado ainda que se notaron algunha que outra ausencia que por motivos personais e laborais non lle foi posible achegarse nese horario, ainda así o número de comensais foi de 25 persoas. Entre as cales destacar a presencia de Rosa Sánchez, xefa do Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello e membro do equipo de xestión do Banco de Tempo.


Unha curiosidade que cabe destacar desta xuntanza é que unha das usuarias do Banco de Tempo traballa de cociñeira nese restaurante e para a cea elaborou uns postres que aprendeu no Obradoiro de Cociña, como podemos ver esta medida, tan descoñecida o principio, está a servir para enriquecer a moitas persoas.



A continuación podemos observar unha serie de fotografias que demostran o ben que se desenrolou a xuntanza:


Nesta foto vemos a algunhas das usuarias do Banco de Tempo que participaron na 1ª Xuntanza de Usuarias, acompañadas de Rosa Sánchez, Xefa do Servicio de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello, e de Laura Castiñeira, Axente de Tempo do Concello.



Nesta foto podemos ver a algunhas das usuarias participantes do obradoiro de cociña e de estética acompañadas de Belen a mestra do obradoiro de estética






Na seguinte foto aparece a axente de tempo con outra das usuarias do Obradoiro de cociña.



Volvemos a ver a Belen con outras duas usuarias






 
 
Página 1 de 1. Total : 11 Artículos.